venres, 26 de xuño de 2020

FELIZ VERÁN!


RESUMO DO CURSO 2019/2020

OS RECREOS NA BIBLIO: VIVEIRO DE CIDADANÍA

Este curso levamos a cabo un proxecto de xogos de mesa nos recreos. Os xogos de mesa constitúen unha boa ferramenta para establecer habilidadades comunicacionais, interacción social, normas de cortesía, aprender a esperar, respectar os turnos, é dicir, a través dos xogos de mesa a nosa biblioteca facilita o diálogo, a comunicación, e a adquisición de valores para mellorar a convivencia e a participación activa do noso alumnado. A nosa biblioteca é un viveiro de cidadanía. Éste foi o lema deste ano da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia que nós adaptamos no seguinte cartel de fin de curso:



Estas son algunhas das actividades e xogos de mesa que os nosos alumnos compartiron durante o recreo. Preme na imaxe para ver o vídeo. 



OUTRAS ACTIVIDADES NA BIBLIO. CURSO 2019/2020

Así celebramos o 25 de novembro o Día da Eliminación da Violencia contra a muller. Fixemos un photocall e escribimos mensaxes, frases e lemas que deixamos no cortizo da biblioteca xunto coa nosa mascota Saladina. 



No Día da Paz tamén se celebra o Día da Ilustración. Aproveitamos a xornada de convivencia cos alumnos e alumnas do noso cole veciño, o CEIP Carballal para  deixar voar a imaxinación e a creatividade. Baixo o lema ´´ Ilustrando a Paz´´ os alumnos e alumnas de ambos centros fixeron uns debuxos moi orixinais. Queredes velos? Amosamos o video a continuación. 




Por último, queremos compartir unha actividade de animación á lectura que tivo moito éxito. A través da lectura do conto: ´´ Ñac, ñac, el monstruo comelibros´´ os alumnos e alumnas buscaron na biblioteca o monstruo que estaba escondido e meteron nun baúl aqueles contos e libros que lle gustan moito. 





OBRADOIRO DE ESTIMULACIÓN DA LINGUAXE A TRAVÉS DOS CONTOS

Presentamos un resumo do obradoiro de Estimulación da linguaxe a través dos contos levado na aula de Audición e Linguaxe con alumnado de primeiro ciclo. 

Este obradoiro iniciouse hai uns cursos e o equipo de mestres e mestras do primeiro ciclo ven positivo darlle unha continuidade ao obradoiro para o vindeiro curso: 

  • A lectura compartida de contos é unha ferramenta de aprendizaxe de vocabulario e desenvolvemento da linguaxe.
  • Os contos estimulan dunha forma lúdica o pensamento, a discriminación auditiva e os procesos básicos de aprendizaxe(atención, memoria, concentración, motivación e adecuación á tarefa)
  • O noso alumnado disfruta do contacto cos distintos tipos de contos.
  • A lectura de contos fomenta a imaxinación e a creatividade.
  • O obradoiro de contos favorece as habilidades comunicacionais de escoita activa e aprender a esperar (quendas)

Estes foron os contos traballados neste curso:

Amosamos a continación un video-resumo con fotos das actividades levadas a cabo nos obradoiros:






xoves, 25 de xuño de 2020

NOVA SECCIÓN NO BLOG: PUBLICACIÓNS SOBRE A NOSA BIBLIOTECA.

Inauguramos unha sección fixa adicada a compartir os artigos, ponencias,... que se vaian publicando en prensa, internet, etc

No ano 2017 publicábase na revista Eduga un artigo elaborado pola da mestra de TVA, Yolanda Barbero. Baixo o título de ´´ Inclusión, a necesidade de romper barreiras nas bibliotecas escolares´´, Yolanda explica cómo é a nosa biblioteca e os recursos que dispoñemos. Yolanda coordinou a biblioteca durante varios cursos e grazas a ela a nosa biblioteca entrou no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Tedes a continuación o enlace ao artigo:


No ano 2018, Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia nos convidou a participar nas Xornadas de Bibliotecas Inclusivas en Santiago de Compostela. Ás xornadas asistiron centros educativos de toda Galicia e tivemos a oportunidade de amosar a nosa biblioteca. Compartimos o video da ponencia da mestra Iris Murciego.




Esta é unha homenaxe a tódolos mestres e mestras que ao longo destes anos comprometéronse adicando moitas horas para conseguir unha biblioteca inclusiva, accesible para tódolos alumnos e alumnas do noso Centro, dinamizando actividadades de animación á lectura e xestionando os recursos existentes. Moitísimas grazas compañeiros e compañeiras!


mércores, 17 de xuño de 2020

DÍA DA ÁRBORE E DO MEDIO AMBIENTE.

No mes de xuño celebramos o día da árbore. É unha data moi especial na vida do noso centro xa que é un día de xuntanza e convivencia con alumnos e alumnas doutros centros. Debido á pandemia do Covid-19 non podemos estar no cole, pero seguimos traballando a distancia. 

O equipo de actividades extraescolares anímanos a facer varias actividades:debuxar unha árbore, abrazar unha árbore, facer un marcapáxinas...O equipo de biblioteca quere colaborar presentando os seguintes contos e videos. Esperamos que vos gusten. 

UN ÁRBOL. CONTO CON PICTOGRAMAS

Alina decidiu plantar unha árbore e todo comezou a cambiar. Ás veces unha pequena decisión é suficiente para transformar todo o que nos rodea. 




ÁRBOL. CONTO CANTADO

Atrevémonos a cantar un conto. Cantades connosco?



A PAISAXE DAS ÁRBORES DURANTE UN ANO

Un ano en 40 segundos é un video feito cunha cámara fixa gravando durante un ano nunha paisaxe de árbores. Video moi visual que queremos compartir para observar que a paisaxe vai cambiando.


BAIXO A SOMBRA DUNHA ÁRBORE

Queres saber qué pasa baixo a sombra dunha árbore? Un cazador galego puxo unha cámara nunha árbore durante un ano nun bosque de Lugo. E moitos animais pasaron por alí. A ver se os coñecedes.

 

DEBUXAR UNHA ÁRBORE

E para axudarvos na tarefa de debuxar unha árbore compartimos este video para debuxar unha árbore de forma moi sinxela. Colle lápiz e papel e comeza a debuxar!





luns, 15 de xuño de 2020

LIBRO VIRTUAL: ´´EU FICO NA CASA´´

Presentamos moi ilusionados o resultado final do libro: ´´Eu fico na casa´´. Libro onde sodes vós os protagonistas, alumnos/as e familias. O equipo de biblioteca quere darvos as grazas polas vosas aportacións para o libro e tamén felicitarvos polo voso traballo, esforzo e colaboración. Fixestes un bo traballo nun momento moi complicado xa que as circunstancias non foron as mellores e estamos moi orgullosos de todos vós. Desexamos veros pronto!

domingo, 7 de xuño de 2020

NÓS TAMÉN CONTAMOS CONTOS!

Abrimos con moita ilusión unha nova sección de contacontos feitos por nós! Esperamos que vos guste.

Hoxe adxuntamos a adaptación do conto ´´ La escalera´´ de Beatriz Montero ( Editorial OQO). É unha das propostas do profesorado do primeiro ciclo para rematar este curso. Non vos queremos dicir nada do conto, para que o vexades, soamente desvelar que os intrépidos protagonistas son coñecidos...