martes, 31 de marzo de 2020

SELECCIÓN DE MATERIAL SOBRE O CORONAVIRUS

Dende o equipo de biblioteca queremos compartir coas familias distintos materiais explicativos sobre o coronavirus. 
Sabemos o difícil que debe ser para moito do noso alumnado permanecer nas casas estes días. Para que poidan entender a situación fixemos unha selección de materiais útiles que lles poden axudar a comprender o que está pasando e por qué cómpre estar na casa. Para o alumnado TEA e para aqueles sen lectura amósase dúas historias sociais con pictogramas da páxina web de Arasaac. Para o alumnado que ten lectura engadimos dous contos con información sobre o coronavirus. 
Tamén adxuntamos unhas pautas e orientacións da psicóloga e educadora social Elena San Martín Suárez para sobrelevar este longo período na casa. 
Tedes o material seleccionado no menú da dereita. 
Un cordial saúdo. Moito ánimo a tódalas familias! Xuntos o conseguiremos!!!

venres, 27 de marzo de 2020

DIA MUNDIAL DO TEATRO

Dende o confinamento das nosas casas queremos homenaxear hoxe, día mundial do Teatro ao grupo de teatro do noso cole que leva moitos cursos facéndonos sorrir, desfrutar e soñar, e agardamos que pronto pase este pequeno ´´paréntese´´ nas nosas vidas e voltar a desfrutar das súas actuacións. 

Para iso queremos compartir unha adaptación do conto ´´ Unha eiruga moi larpeira´´ que fixo o grupo para o noso Centro para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares.

Pedimos disculpas da calidade da gravación pero a obra representouse en luz negra. 

PARABÉNS ACTORES E ACTRICES!!


luns, 9 de marzo de 2020

DIA DA MULLER.

Hoxe celebramos no noso centro o DÍA DA MULLER.

Quixemos celebrar este día cun sinxelo e emotivo homenaxe lembrando a tódalas mulleres que loitan día a día polos seus dereitos. Como a música é un elemento motivador para o noso alumnado fixemos unha escolma de cancións que traballan o día da muller facendo unha posta de escena de cada unha delas. 

A biblioteca estára aberta estes días para que os titores e titoras poidan compartir cos seus alumnos e alumnas curtas relacionadas con este día que fomentan valores de igualdade, desaparición de esteorotipos entre nenos e nenas,...

Baixo o lema de ´´As mulleres da miña vida´´  o alumnado de PFPB están desenvolvendo a súa creatividade escritora. Faremos un programa especial de radio para compartir as produccións escritas deste proxecto tan bonito. 






luns, 2 de marzo de 2020

OS INICIOS DA NOSA RADIO

Queremos compartir un vídeo sobre os inicios da nosa radio. Qué gratos recordos!

Daquela empregábamos a radio no cole para felicitar ao alumnado que cumpría anos. Os nosos alumnos e alumnas escribían unhas mensaxes moi especiais aos homenaxeado/as. Era un programa de radio que se facía durante o recreo, momento en que estaba todo o alumnado xunto e así poder escoitar a través do equipo de audio instalado no patio as adicatorias. Rematábamos o programa sempre cantando´´Parabéns´´. 

Fixemos unha grabación de vídeo dun programa tipo para presentalo no ano 2010 ao proxecto ´´Ponte nas Ondas´´. 

E este ano grazas a Radio na biblio estamos moi contentos de retomar ese proxecto.